O Museo Provincial de Lugo recibe unha doazón dun tríptico do artista Albino Fernández

A Deputada de Cultura, Iria Castro Fernández, acompañada pola directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro García, recibiu ás dúas fillas do artista de raíces lucenses Albino Fernández (1921-2014) que doaron un tríptico composto de tres xilografías deste pintor e gravador emigrado en América. Na Arxentina traballou coa intelectualidade do exilio galego, sobre todo con Luís Seoane, además de ser profesor na Escola de Artes Gráficas ou na Nacional de Belas Artes en Bos Aires. Foi o creador do Club da Estampa, en 1965, unha iniciativa excepcional que reuniu aos principais gravadores arxentinos para favorecer e divulgar a obra gráfica.
O Museo Provincial de Lugo, en 2024, acolleu unha exposición de Albino Fernández realizada en colaboración coa Fundación Museo de Artes do gravado á estampa dixital e o Consulado Xeral Arxentino en Vigo e froito deste traballo de relembranza e homenaxe, os seus herdeiros consideraron facer a doazón de:
• Tríptico “Presencia de amor en todo lo creado”: tres xilografías orixinais de Albino Fernández. 1976. Medidas: 110 cm. de ancho x 36,6 cm de alto.


