O (re)encontro

Unha Celebración do Proxecto “Estudio Aberto”

Un cartel promocional para o evento "O (RE)ENCONTRO" de residencias artísticas na Rede Museística, que terá lugar do 1 ao 8 de agosto. A imaxe principal do cartel é unha vista aérea dun campo verde con dúas estruturas circulares en forma de labirinto feitas de pedra. No ceo azul, e por toda a imaxe, hai iconas de copo de neve, cada unha co nome dun artista

A Rede Museística Provincial de Lugo comemorará este verán de 2025 o seu programa de residencias artísticas “Estudio Aberto” coa celebración de “O (re)encontro”. Este evento especial marcará o peche simbólico dun proxecto que desde 2013 converteu a provincia de Lugo nun punto de referencia para a creación artística contemporánea.

Nacido no marco do proxecto Enredarte, “Estudio Aberto” consolidou cinco exitosas edicións nas que os museos da Rede Museística Provincial actuaron como inspiración e plataforma para creadores de Galicia, España e do estranxeiro. Os artistas, durante a súa estadía anual no verán na Sala de Exposicións do Pazo San Marcos, compartían os seus procesos creativos coa cidadanía lucense, inspirándose no vasto patrimonio material e inmaterial custodiado polos catro museos da Rede Provincial. As obras resultantes reinterpretaron e dialogaron coas coleccións, reflectiron a pegada da comunidade e propuxeron novas perspectivas sobre o legado cultural.

Tras a última edición en 2016, na que a residencia se desdobrou entre o Pazo San Marcos e o Museo Pazo de Tor, “O (re)encontro” preséntase como unha última quenda de artistas en residencia. Esta edición reducida pero intensa acollerá a catro artistas de diferentes edicións anteriores de “Estudio Aberto”, cun enfoque particular nos procesos artísticos colaborativos coa comunidade e inspirados nas coleccións dos museos.

Estrutura de “O (re)encontro”:

  • Residencia Artística: 4 novos proxectos creativos de 4 artistas seleccionados de edicións anteriores, cunha duración de 7 días (do venres 1 ao xoves 7 de agosto de 2025) no Pazo de Tor.
  • Exposición Final: Unha mostra que presentará os resultados da residencia e recopilará obras de artistas galegos que participaron en “Estudio Aberto”. A montaxe terá lugar o xoves 7 e venres 8 de agosto de 2025 no Pazo San Marcos, Lugo.
  • Inauguración e (re)encontro: O venres 8 de agosto de 2025, pola tarde, no Pazo San Marcos, Lugo, terá lugar a inauguración da exposición e un encontro conmemorativo de todas as edicións.
  • Catálogo Recopilatorio: Publicarase un catálogo que documentará a historia de “Estudio Aberto”, o legado dos artistas participantes e os procesos creativos colaborativos.
  • Acto Institucional: Unha presentación oficial o venres 1 de agosto de 2025 pola mañá en Lugo.

Artistas participantes na residencia:

  • Mónica Trastoy: Nada en Vilalba, Lugo, e afincada en Barcelona. É Licenciada en Belas Artes e ten unha ampla traxectoria expositiva e recoñecementos, incluíndo bolsas e premios. O seu traballo amosouse en diversas exposicións individuais e colectivas.
  • Ana Arregui: Nada en Osuna, Sevilla, e residente en Madrid. É Licenciada en Belas Artes e Máster en Arte e Tecnoloxía. A súa obra céntrase na identidade, o xénero e a experiencia individual, desafiando a representación tradicional do retrato.
  • Miguel Benjumea: Nado en San Fernando, Cádiz. Artista e investigador, doutor en Belas Artes. O seu traballo explora as tensións históricas e cartográficas na definición do territorio, utilizando vídeos, fotografías, frotagges urbanos e instalacións para indagar nos relatos hexemónicos.
  • Luciana Rago: Nada en San Juan, Arxentina, e afincada en Madrid. Licenciada en Artes Visuais e Máster en Investigación e Creación en Artes. Ten exposto en prestixiosos centros de arte e recibido importantes bolsas e subvencións para os seus proxectos.

Artistas de Galicia que participarán na exposición (creando un arquivo-memoria): Ruth Montiel Arias, Neves Seara, Christian Villamide, Xosé Reigosa, Basilisa Fiestras, Reme Remedios, Lomarti, Roi Domínguez, David Fidalgo, Mar Ramón, Román Corbato, Félix Carpio, María Xosé Domínguez, Nuria Ruibal, Isabel Alonso, Gema López, Melania Freire, Bibi Martín, José Manuel Vidal, Senén Olano, Paz Vicente, Marcela Mastroiani.

“O (re)encontro” representa un fito na traxectoria da Rede Museística Provincial, reafirmando o seu compromiso coa arte, o patrimonio, a comunidade e os dereitos culturais, e subliñando a accesibilidade e a igualdade como piares fundamentais. Este proxecto acolleu a artistas de gran prestixio, que levaron a Lugo na súa memoria emocional.

Comparte nas túas redes