Presentación do libro Los exvotos en Galicia. Su significación en la religiosidad popular: de la cera a los cuadros votivos

O vindeiro mércores 18 de setembro, ás 19:00h, terá lugar no Museo Provincial de Lugo a presentación do libro de José Fuentes Allende Los exvotos en Galicia. Su significación en la religiosidad popular: de la cera a los cuadros votivos, publicado polo Museo de Pontevedra. O acto será presentado por Iria Castro, Delegada de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, e Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo; e contará coa presenza do autor e do etnógrafo José Manuel Blanco Prado.
O libro consta de dous volumes e está prologado polo antropólogo lucense José Manuel González Reboredo, membro do Instituto de Estudos das Identidades e do Museo do Pobo Galego. Tras unha introdución ao tema, José Fuentes dedica a primeira parte da obra ao estudo da relixiosidade popular en Galicia, deténdose na análise das diversas prácticas e rituais que aínda se levan a cabo e, de maneira especial, nas peregrinacións e nos santuarios, para logo estudar minuciosamente os exvotos ao longo da historia da nosa comunidade, poñéndoos en comparación cos doutras culturas. Neste estudo detense nos exvotos de cera, tanto as velas como as diversas figuras ofrecidas nos nosos santuarios, os de madeira, os metálicos, as maquetas de barcos, as ofrendas en especie, as representacións da morte e da enfermidade como os ataúdes e sudarios, os exvotos verbais e os fotográficos; para cerrar o primeiro tomo cunha análise pormenorizada sobre os exvotos pintados ou cadros votivos.

No segundo volume estuda detalladamente cada un dos cento sesenta e un cadros catalogados en Galicia, o máis antigo datado en 1606, distribuídos por provincias; sendo a da Coruña a que conta cun maior número, destacando cuantitativamente os santuarios da Escravitude en Padrón e o da Pastoriza en Arteixo. Sobresaen na de Lugo os de Vilaselán, en Ribadeo, e da Ermida, en Quiroga; na de Ourense, o dos Milagres do Monte Medo, en Baños de Molgas, e o das Ermitas, no Bolo, e na de Pontevedra os de Portodemouros, en Vila de Cruces, ou os dedicados a san Telmo custodiados no Museo da Catedral de Tui.

Finaliza o estudo coa relación da exhaustiva bibliografía consultada para a elaboración do traballo.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes