Raíces de Ceo, de Cris Bamio

Ioga e Arte

O proxecto expositivo “Raíces de Ceo” abre a programación conmemorativa dos vinte anos de Culturas en Diálogo na Rede Museística Provincial de Lugo o vindeiro 10 de novembro ás 18:00 no Museo Provincial de Lugo, cunha proposta que conecta a creación artística, a saúde e o benestar colectivo. Nado da comunidade xurdida entre 2023 e 2026 ao abeiro do programa de Museoloxía Social “Saúde, Cultura de Paz e Bo Vivir”, o proxecto reúne a máis de duascentas mulleres que atoparon nas salas dos museos un espazo propio para a práctica do ioga e o encontro. A través da mirada fotográfica da artista venezolana Cris Bamio e baixo o comisariado de Encarna Lago, a mostra achega unha escolma de retratos tomados ao remate desas sesións para documentar a pegada física e emocional dunha experiencia compartida.

 

Máis alá da práctica física, a iniciativa convida a reflexionar sobre o coidado entendido como unha forma de relación social e de construción de vínculos comunitarios. O proxecto susténtase nunha rede de acompañamentos mutuos: o labor de Stephanie Cubides guiando ás participantes a través do ioga, a proximidade de Cris Bamio á hora de retratar para comprender a vivencia interna de cada muller, e o coidado dende a xestión institucional e o comisariado para que as imaxes dialoguen de xeito directo e honesto con quen as contempla. Trátase dun exercicio de sororidade e respecto onde mulleres de orixes diversas constrúen comunidade, habitan os espazos públicos desde a calma e fan visible a beleza dos afectos compartidos.

 

A inscrición de Raíces de Ceo no marco dos vinte anos de Culturas en Diálogo outorga un sentido colectivo e temporal a esta vivencia, vinculándoa a dúas décadas de traballo continuado arredor da diversidade cultural, a acollida e a cultura de paz nos museos provinciais. A mostra permanecerá aberta á cidadanía como unha invitación a percorrer estas imaxes, recoñecerse nelas e lembrar a importancia de seguir abrindo espazos públicos onde escoitarnos, coidarnos e acompañarnos.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes