Raimundo de Madrazo e Garreta

175 anos do seu nacemento.

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Acordanzas

Aproveitando a circunstancia de cumprírense este 24 de xullo o 175 aniversario do nacemento do pintor Raimundo de Madrazo e Garreta (Roma, 24 de xullo de 1841 – Versalles, Francia, 1920), o Museo Provincial de Lugo quere sumarse a esta celebración lembrando a todas as persoas interesadas que, na SALA 21 deste museo, pode contemplarse unha representativa obra deste autor. Trátase dun óleo sobre lenzo, de 116 x 89 cm, titulado Retrato de señora e que foi pintado en Nova York no ano 1899.

O cadro está asinado e datado no ángulo inferior dereito, “R. Madrazo / New York-99”, mentres que no ángulo inferior esquerdo aparecen as siglas “MAM”, que fan referencia ao extinto Museo de Arte Moderna de Madrid,  institución á que pertenceu esta pintura.

O cadro foi doado ao MAM polo escultor modernista catalán e académico de Belas Artes Miguel Blay, quen o fixo en nome de Federico Carlos de Madrazo e Ochoa, o fillo único de Raimundo. A doazón foi aceptada o 24 de abril de 1921. Posteriormente, o cadro depositouse no Museo Provincial de Lugo, por Orde Ministerial do 7 de febreiro de 1933. Actualmente, forma parte das coleccións de pintura do Museo do Prado e permanece depositado no Museo Provincial.

Raimundo Madrazo e Garreta foi membro dunha importante familia de pintores. Era neto de José de Madrazo, fillo de Federico de Madrazo, sobriño de Luís, irmán de Ricardo e ademais cuñado de Mariano Fortuny. Deles recibiu ensinos e influencias e con eles compartiu inquietudes artísticas.

Aínda que cultivou o xénero costumista, Raimundo destacou especialmente polos seus retratos, sobre todo os protagonizados por mulleres. Viaxeiro e cosmopolita, coas súas obras cativou a alta sociedade dos lugares aos que se desprazou e onde residiu (París, Nova York, Roma, Londres, A Arxentina…) Viviu en Nova York entre os anos 1897 e 1911. Nesta cidade mantívose dedicado, case en exclusiva, ao retrato de encarga e recibiu peticións dalgunhas das familias máis influentes da época.

Tamén che pode interesar

Julio Prieto Nespereira

Neste mes de decembro de 2022 queremos lembrar ao artista Julio Prieto Nespereira nos 125 anos do seu nacemento, poñendo en valor a colección de obras  expostas  na sala 25 do Museo Provincial de Lugo.

Comparte nas túas redes