“Recolectoras”
Memoria e terra.
Temática:Identidade, memoria e territorio
Público: Comunidade artística
Esta acción forma parte de: Mulleres rurais
Onde se desenvolve: Museo provincial de Lugo | Museo-Fortaleza San Paio de Narla
Dende o 12/01/2021 ata o 26/04/2021
De martes a sábado: de 10:00 a 13:30h. e de 16:00 a 20:30h.
Domingos e festivos: de 10:00 a 16:00h.
Presencial
“Recolectoras” pretende o que o seu nome indica, recolectar a realidade da nosa contorna rural desde e coas propias protagonistas, as mulleres. Conversando desde a Arte, e de forma transversal, problemáticas vencelladas ao despoboamento, reivindicando o primeiro sector como base económica da nosa sociedade, cuestionando o valor que outorgamos aos nosos espazos naturais e ás comunidades que configuran e constrúen a súa historia; xerando redes fortes e eternas que poñen o foco nas persoas.
Devolvendo a voz ás mulleres rurais contemporáneas e abarcando a multidisciplinariedade que esta figura representa, falamos de emprendemento, de innovación, de migración, de precariedade, de ecofeminismo, de igualdade, de sustentabilidade, de tradición, de memoria e historia. Historias e persoas que non deben quedar no esquecemento.
A necesidade de recuperar late con forza dende os museos da Rede Museística Provincial e será o Museo de San Paio de Narla o epicentro onde arrinca esta aventura e no cal comezamos a compartir.
Nun gris pero entusiasta sábado de outubro, un pequeno (gran) grupo de mulleres pertencentes a diversas realidades laborais da contorna rural agrúpanse no Museo de San Paio. Sen terse coñecido con anterioridade, a inmensa maioría entran neste espazo cunha realidade e, tras unha intensa mañá de escoitar, compartir, empatizar, comprender, acompañar, apoiar e CONECTAR, saen do Museo
reforzadas e coa clara sensación de non estar soas. De ter atopado neste espazo un punto de apoio incondicional, tanto nas persoas que configuran esta primeira e tan especial xornada, coma na propia institución. Neste momento arrinca un desenfreado percorrido polas comarcas do interior de Lugo, de Muller a Muller, de casa en casa, de historia en historia.
Recuperando, escoitando e medrando.