Renovación museográfica completa da sala de numismática e medallística do MPL

Imaxe do convite para a inauguración da Sala de Numismática e Medallística do Museo Provincial de Lugo. O deseño está dividido en dúas partes: á esquerda, un primeiro plano en detalle dunha moeda antiga con pátina verde e relevos xeométricos. Á dereita, sobre un fondo negro, o texto informa: "Iria Castro Fernández, deputada delegada de Cultura, Encarna Lago González, xerente da RMPL, e Aurelia Balseiro García, directora do MPL, convidan á inauguración da Sala de Numismática e Medallística do Museo Provincial de Lugo". No centro hai un logotipo circular dourado co número 10. Abaixo indícase a data: venres 28 de novembro ás 19.00 h. no Museo Provincial de Lugo. Na parte inferior aparecen os logotipos da Deputación de Lugo e da Rede Museística Provincial.

O Museo Provincial de Lugo acaba de rematar os traballos de modificación e actualización do discurso expositivo da sección de numismática e medallística (sala 10, primeiro andar), que se inaugurará o vindeiro venres 28 de novembro. Este proxecto desenvolveuse a raíz da adquisición, por parte da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, do sestercio da caetra (BIC 2022) e dun lote de seis moedas -dúas suevas e catro visigodas- en agosto de 2023.

O novo espazo expositivo, reorganizado en torno á exhibición das devanditas pezas, amosa un conxunto de 677 bens -551 moedas, 1 billete, 87 medallas e outros 38 obxectos monetarios-, que se corresponden co 6,6% do total das coleccións de numismática e medallística do MPL.

A sala, que ocupa unha superficie de 70 m2 na panda sur do claustro alto, presenta unha museografía realizada con criterios de accesibilidade universal, de conservación preventiva e de seguridade dos bens expostos, cuxo contido científico estivo a cargo da responsable do Departamento de Arqueoloxía e Historia do MPL, Mª Ofelia Carnero Vázquez, e da directora do museo, Aurelia Balseiro García.

A través da renovación das vitrinas, da iluminación e da sinaléctica, así como da incorporación de pantallas interactivas para proxectar imaxes 3D das moedas, o discurso expositivo ofrece unha experiencia inmersiva, cunha narrativa orientada a conectar con todas as audiencias combinando as funcións científica e educativa co valor estético do espazo.

Ademais, atendendo á preferencia do público actual polas exposicións que se valen da variabilidade de soportes, e seguindo os criterios de accesibilidade que caracterizan ao MPL, procedeuse á instalación dunha estación táctil, que fomenta a interacción coa colección, e dunha máquina expendedora de moedas, que permitirá levar un recordo material da visita. Ambos elementos aportan dinamismo á sala e contribúen a unha mellor aprehensión dos contidos expostos nela para todos os visitantes.

Máis información:
Aurelia Balseiro García
direccion@museolugo.org
982 242 112
Museo Provincial de Lugo
Praza da Soidade
s/n 27001 Lugo

Video

Comparte nas túas redes