Ricardo Sacristán Arrieta

Centenario do seu nacemento

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Soterradas

O 8 de decembro de 2021 cumpríronse cen anos do nacemento do artista Ricardo Sacristán Arrieta que nace en Álava o 8 de decembro de 1921 e falece o 28 de xullo de 1980 na mesma cidade. Inicia a súa formación na Escola de Artes e Oficios de Vitoria e posteriormente trasládase a Madrid onde continúa os seus estudos no Círculo de Belas Artes.

Foi un prolífico acuarelista, chegando a dominar a técnica, o que queda patente nas súas composicións sinxelas e luminosas, coas que logra captar o efémero do tempo.

Participa nas primeiras propostas artísticas de Vitoria da posguerra como a II Exposición de pintura de Artistas Alaveses en 1944, a I Exposición de Pintura de Artistas Noveles Alaveses do mesmo ano ou a III Exposicion de noveis de 1946, entre outras, e posteriormente realiza un gran número de mostras individuais en diversas cidades como Madrid, Murcia, San Sebastián e tamén en Lugo nos anos 70.

Viaxeiro incansable, recorre a xeografía peninsular, ademais doutros países como Francia, Norte de África, Centroeuropa, Italia e Estados Unidos, realizando un gran número de apuntamentos ou bosquexos de currunchos urbáns, rúas, prazas e paisaxes que lle serven de armazón para compoñer as acuarelas.

Sacristán Arrieta foi un artista moi fecundo, cun estilo realista e unha técnica propias, que non variará durante toda a súa traxectoria.

Obra no MPLugo

O Museo de Lugo ten, entre os seus fondos unha acuarela que representa unha desas praciñas que o artista recolle nas súas viaxes, a Praza do Campo, coa fonte de San Vicente no centro da composición, rodeada de casas cos típicos soportais de pedra, captada nun intre despois de que a choiva debuxase reflexos no chan e deixase paso a un ceo azul con grandes nubes brancas. Esta obra foi adquirida polo Museo no ano 1976.

María Quiroga Figueroa/ Departamento de Belas Artes

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes