Ruibal. Azul Inmenso Atlántico

Dende o 13/06/2025 ata o 24/08/2025
O vindeiro venres 13 de xuño, ás 19:00h, inaugurarase na Sala de exposicións temporais do Museo Provincial de Lugo a mostra “Ruibal. Azul Inmenso Atlántico”, comisariada por Antón Castro.
Esta exposición, cuxo título nace dos versos dun poema do mesmo artista, ten como obxectivo amosar a obra de Manuel Ruibal dos último anos, apéndice dun proxecto de máis de 60 anos de traballo. Está composta por un conxunto de esculturas policromadas, distribuídas en dúas instalacións, unha escolma de obras da serie “Sobre o mar” e a serie “O debuxo na palabra (Aforismos)”. Completa a mostra a proxección dun audiovisual.
Texto do comisario:
Manolo Ruibal
Azul inmenso Atlántico
Veo como el Poniente se baña en el mar de San Vicente
este azul inmenso se hace Atlántico allá lejos…
Manolo Ruibal
Manuel Ruibal (Pontevedra, 1942) fai a súa aparición na escena artística a mediados dos anos sesenta do século pasado. Desde entón consolidou un proxecto persoal e renovador que ten puntos de referencia primeirizos no Museo do Prado e nos grandes museos españois e europeos completando o seu periplo ao ritmo das xeografías que iba percorrendo polo mundo, que definirán, ao fin, a riqueza espiritual e cultural dunha linguaxe transversal que toca a pintura, o debuxo, a escultura, a instalación e a poesía.
París, Murcia, Xinebra, Roma, Mallorca, Madrid, Nova York e Pontevedra foron estadías fondas doutra xeografía cultural e social que axudaron a madurar o devandito proxecto, que evoluciona da neofiguración e o informalismo, das décadas dos 60 e 70, a un reduccionismo sígnico e xestual, próximo á mística zen, que eleva o vacío e o silencio dos espacios lingüísticos a unha condición poética que ten a súa orixe e fin na consideración da natureza.
Desde mediados dos 80, as árbores e a paisaxe, o mar, serán temas recurrentes no proceso analítico da súa pintura, en base a unha metodoloxía conceptual diseccionada como linguaxe elíptica, que deberemos descifrar na confrontación hermenéutica entre natureza e cultura.
En Azul inmenso Atlántico, nome que extraemos dun dos seus poemas, Ruibal revive os momentos intensos da natureza a través dos seus mares, facendo que o cotián se volva transcendente a través da observación e da imaxinación: Amenceres, atardeceres e anoiteceres sobre o mar de Galicia 2016-2021, que, nesta cita, complementa coas instalacións Pedras pintadas, de diferentes períodos, dende 1982-2024, cantos rodados de orixe mariña, e coa derradeira serie O debuxo na palabra 2024-2025.
A mostra céntrase nun percorrido tan simbólico como real que o autor vive física e emocionalmente ao longo dos anos, desde que experimentara as súas primeiras experiencias informalistas e abstractas no mar de San Vicente, ao principiar os anos 70 do século pasado. Fermento paixoal lonxano que foi actualizando nun corpus tan vívido como dimensionado en termos estéticos, en forma de pintura e escultura ou instalación, na imaxe xestual dunha obra minimalista, que implica o tránsito romántico do tempo e da luz como elementos transformadores dunha natureza viva, fixada no instante da beleza creacional que definira Schelling e, xa antes, Kant intuíra dende a autorreferencialidade e do pracer desinteresado.
Antón Castro