Sala estable dedicada ao pintor Tino Grandío

SALA 13 da sección de ARTE GALEGA

Temática: Belas Artes

Onde se desenvolve: Museo provincial de Lugo

Cando:  26/10/2023
ás 19:00h.

Formato: Presencial

O museo lucense ven de rematar os traballos de remodelación, acondicionamento e renovación museográfica dalgunhas das súas salas e coleccións para poder dispoñer dunha sala monográfica de Tino Grandío.

Ata o de agora tan só estaban expostos cinco cadros do pintor, Virxe dos Ollos Grandes, procedente do Colexio Fingoi, Retrato da miña nai, O cazador, Feira de burros e Cura de aldea con fregueses, doados os catro no seu día por José Fernández López, un dos máis importantes benfeitores do museo. Coa nova formulación o público terá acceso a máis obras de Grandío.

Nos últimos anos a colección do pintor aumentou considerablemente, tanto en cantidade como en calidade, grazas aos depósitos efectuados por familiares do artista. O primeiro deles en marzo do ano 2013, o de Branca Grandío Rodríguez e Ana María Isabel Codesal, sobriñas do pintor, e máis recentemente, en maio deste ano, o depósito Figueroa, Codesal, Grandío. Tanto é así que na actualidade a colección TINO GRANDÍO do Museo Provincial está composta por un total de 29 cadros, entre debuxos e pinturas. A SALA 13 acollerá a maior parte da colección o cal permitirá mostrar as diferentes etapas e mesmo apreciar a evolución técnica e artística do pintor.

Lembraremos que Constantino Grandío López naceu en Lousada, Guntín, Lugo, o día 1 de decembro de 1924 e morreu en Lugo o 23 de abril de 1977. Que sendo mozo puxéronse de manifesto as súas inquedanzas artísticas y que en 1951 recibiu unha pensión da Deputación de Lugo, o que facilitou a súa estancia en Madrid, onde estableceu a súa residencia. Na capital adicouse á pintura, aproximouse ás vangardas e relacionouse con importantes artistas e personaxes do momento. Con todo, Galicia permaneceu na súa obra, sempre de maneira obvia ou no fondo das súas creacións.

Grandío desprazouse entre a figuración e a abstracción a procura da singular linguaxe pictórica, aparentemente sinxela ou esencial, que o caracteriza e fai que a súa obra sexa ben recoñecible.

Nesa evolución pérdense as liñas do debuxo e os contornos das figuras fúndense para dar paso ao predominio da mancha. A materia, tan evidente nas primeiras obras, perde forza ata ser substituída por texturas suaves. E aos poucos prodúcese o abandono da cor saturada, propio das composicións costumistas das primeiras etapas da súa traxectoria, cara a madurez do seu traballo caracterizado polo manexo dos grises ricos en tonalidades e matices.

A colección de cadros de Tino Grandío do Museo Provincial permítenos aproximarnos ao autor e apreciar o proceso de transformación da súa pintura e converte ao centro lugués nun lugar de referencia imprescindible para quen desexe contemplar, admirar, estudar e valorar a arte deste autor.

Galería

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes