Sara Capurro

Centenario do seu nacemento.

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Acordanzas

Sara Acevedo Spinelli, que era o seu nome verdadeiro, naceu en Montevideo, cidade na que residiu, formouse e desenvolveu o seu traballo artístico. Comezou os estudos de debuxo e pintura da man do tamén uruguaio Anhelo Hernández, artista polifacético dedicado ao debuxo, a pintura, o gravado e a escultura que ademais foi docente nas mesmas disciplinas. Hernández asistiu á Escola Nacional de Belas Artes e ao taller de Severino Pose, un autor que tamén está representado no Museo Provincial, pero chegou a ser un dos discípulos directos de Joaquín Torres-García, o artista uruguaio de máis proxección internacional e sen dúbida o de maior influencia no seu país. Desde o taller que levaba o seu nome, creado a finais de 1942 en Montevideo, Torres-García foi o artífice esencial do Universalismo Construtivo, fixo posible a renovación da pintura uruguaia e deixou unha pegada profunda na arte de xeracións posteriores.

As primeiras obras desta pintora seguen o estilo figurativo común á arte uruguaia da época e nos seus temas abundan os bodegóns, a figura humana e as paisaxes urbanas, pero progresivamente acusa un achegamento ao cubismo. A artista abandona a figuración convencional, explora outras formas de concibir e estruturar os seus cadros e diversifica a súa produción. Vémolo nos seus traballos de finais dos anos 50, executados con diferentes técnicas: óleo, tinta, témpera, colaxe, gravado… Máis tarde tamén ela asistirá ao Taller Torres-García onde estuda debuxo con Guillermo Fernández e desde 1960 a 1964 pintura co artista uruguaio de orixe lituana José Gurvich, pintor, ceramista, escenógrafo e profesor de arte que destacaría como unha das figuras fundamentais do movemento construtivo.

Entre 1960 e 1970 Sara participa en numerosas exposicións. Mostras colectivas co Taller Torres-García, na Escola Italiana e no Centro Artes e Letras, individualmente en Amigos da Arte en 1970… Ese mesmo ano envía obra ao XVIII Salón Municipal de Artes Plásticas de Montevideo e obtén un Premio Adquisición polo seu óleo “Natureza en gris”. Continúa expoñendo durante a década dos 70 e en 1980 pasa a ser membro da Comisión Nacional de Artes Visuais. A partir de entón vai figurar como xurado en salóns municipais e departamentais de artes plásticas. Está representada no Museo Juan M. Blanes, no Museo Nacional de Artes Visuais e en coleccións particulares de Uruguai, Estados Unidos e Israel.

Obra sen titulo de Sara Capurro

Sen título. 1970. Témpera sobre cartón. 44 x 58 cm. Doazón da autora

O cadro do Museo Provincial ingresou como doazón da autora en 1973. Forma parte da colección de arte arxentina e uruguaio, pinturas, debuxos e gravados representativos da intensa actividade artística desenvolvida en Arxentina e Uruguai ao redor das décadas dos 60 e os 70. Na actualidade non está exposto ao público, senón que se atopa na área de reserva do museo.

Trátase dunha pintura que presenta características inherentes ao cubismo sintético, unha das dúas tendencias, a segunda, que tivo o movemento cubista, e é significativa da repercusión das vangardas europeas en América, en particular da obra de Picasso, Georges Braque e Juan Gris. Pero tamén evidencia o discurso teórico e estético da arte construtiva de Torres-García.

A composición está inspirada en elementos do porto de Montevideo, o principal porto comercial de Uruguai, un porto marítimo-fluvial situado sobre o Río da Prata que foi esencial no desenvolvemento da economía uruguaia ao longo do século XX.

As instalacións portuarias e os barcos xa eran temas habituais nos cadros figurativos da artista. Nesta ocasión as formas xeométricas da colaxe pictórica suxiren elementos facilmente recoñecibles relacionados coa actividade portuaria e a navegación. Proas e popas de barcos, partes do casco, fragmentos dos costados, bandeiras, mastros, ollos de boi, chemineas, rodas e engrenaxes, torres de guindastres…

A pintora tamén introduce tipografías. Así inclúe algúns números e letras maiúsculas, como os acrónimos correspondentes a determinadas entidades do ámbito naval, ANP (Administración Nacional de Portos), o organismo uruguaio de administración, conservación e desenvolvemento dos portos públicos do país, e HMS, cuxas siglas pertencen a Her Majesty’ s Ship (“Navío da súa Maxestade”) e son identificativas dos buques da armada británica.

O cadro está pintado con témpera, unha técnica elixida con moita frecuencia pola autora e amplamente utilizada en arte naqueles anos por ter menor custo respecto ao óleo, ofrecer variadas posibilidades creativas, rapidez de execución e por adecuarse ben a proxectos de obra gráfica. As características propias da témpera aprécianse ben nesta peza pictórica, como o aspecto mate, a opacidade e boa cobertura, que permite superpoñer unhas cores sobre outras, ou a posibilidade de variadas gamas tonais. A pintora organiza unha composición de equilibrado cromatismo, con combinación de fríos e cálidos e na que o negro perfila e define formas á vez que dá certa unidade á obra. Evita as tintas planas, en favor de intencionados sombreados e matices de cor para insinuar volume nalgunhas pezas. Non busca a perfección na execución do deseño, só un efecto final do conxunto de formas e liñas dispostas en horizontal, vertical e diagonal.

Tal e como podemos comprobar na firma do cadro, para o nome artístico Sara mantivo o seu nome de pila, normalmente representado pola “S” inicial, pero optou por prescindir do seu apelido e utilizar o do seu esposo, “Capurro”, un apelido de orixe italiana que é ademais o topónimo que dá nome a un barrio de Montevideo. E desta maneira, como Sara Capurro, é coñecida como pintora.

L/Y Departamento de Belas Artes

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Eduardo Rodríguez Osorio

Nos cen anos do se nacemento recordamos en Acordanzas ao escultor lucense Eduardo Rodríguez Osorio (Esmeriz, Chantada 5 de marzo de 1920 – Madrid 25 de febreiro de 1995)

Comparte nas túas redes