Serafín Avendaño

100 anos do seu pasamento

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Acordanzas

A sección ACORDANZAS, realizada polo Departamento de Belas Artes e coordinada pola Dirección do Museo Provincial de Lugo, nace para, coa desculpa dunha efeméride, divulgar obras e autores presentes no devandito museo. Trátase dun servizo on line para facilitar o achegamento, tanto documental como físico, ás salas do Museo onde se expón a obra do artista homenaxeado. Nesta ocasión, e aproveitando a circunstancia de cumprírense  os cen anos da morte do pintor galego Serafín Avendaño (Vigo 1838-Valladolid 1916), queremos lembrar a figura deste artista vigués con importante obra no Museo Provincial de Lugo.

O martes, 23 de agosto de 2016, conmemoramos os cen anos da morte do pintor galego Serafín Avendaño (Vigo 1838-Valladolid 1916).

Avendaño foi un dos representantes do Realismo Luminoso da segunda metade do século XIX e un dos impulsores da paisaxe moderna.

Ademais das súas composicións ao óleo, cultivou a acuarela , o debuxo e o gravado e foi ilustrador de diversas publicacións coma El Museo Universal, a revista Blanco y Negro  e Viaxe pintoresca pola ría de Vigo, de Manuel Murguía.

Realizou estudos artísticos na Academia de San Fernándo sendo alumno de Jenaro Pérez Villamil. Viaxou por España, Francia, Inglaterra e América visitando museos e artistas destacados da época.

En 1962 trasladouse a Italia tras conseguir unha pensión do Estado Español  para estudar pintura en Roma.

Colaborou no desenvolvemento da pintura italiana da segunda metade do século XIX   e en Xénova foi un dos membros máis destacado do grupo dos Gigis, ademais   pertenceu á Escola de Rivara.

Durante toda a súa traxectoria presentouse con asiduidade ás Exposicións Nacionais de Belas Artes conseguindo  terceiras medallas nas de 1864, 1892 e 1899. Tamén  foi un dos artistas máis significativos das exposicións de Promotrice.

A súa pintura destaca polo seu amor polo natural e polo realismo da natureza e a súa aportación foi conseguir que a paisaxe entrase no ensino oficial.

En 1891 regresa a España e pasará tempadas en Vigo ata a súa morte en Valladolid debida a unha arterioesclerose.

O Museo Provincial de Lugo conta entre os seus fondos con dúas obras realizadas en óleo sobre lenzo deste destacado paisaxista, ambas doadas por D. José Fernández López, Paisaxe gris, executado en 1865 e Paisaxe outoñal, ambas obras están  expostas na sala 12, que abrangue a  pintura galega dos séculos XIX e XX.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes