Silverio Rivas

Cumpre 75 anos.

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Acordanzas

Silverio Rivas fai 75 anos o 24 de novembro e o Museo Provincial de Lugo quere dedicarlle a sección Acordanzas a este artista pontevedrés, nado en Ponteareas o 24 de novembro de 1942. O Museo Provincial de Lugo expón na sala 12 unha obra súa, concretamente unha figura articulada de bronce que leva por título “Claridade interior”. O próximo mércores, 29 de novembro, a partir das 19:00 h., o artista estará no MPLugo para comentar coas persoas interesadas aspectos da súa obra.

Aínda que probablemente o recoñezamos máis como autor de obras monumentais destinadas a ocupar espazos públicos, como é o caso da Porta do Atlántico, en Vigo, Silverio Rivas é o creador de esculturas e proxectos diversos, froito da súa gran capacidade de traballo e o profundo coñecemento das técnicas e os materiais.

As súas obras son o resultado de percorrer as etapas do intenso camiño que iniciou de neno, con apenas 10 anos, sendo aprendiz xunto ao seu pai no taller de carpintería familiar: a Escola de Artes e Oficios de Vigo, os seus estudos en Madrid, a súa estancia en París, os anos de duro traballo na canteira de Porriño, o seu actual taller en Tui…

A obra de Silverio Rivas que se conserva e pode contemplarse no Museo Provincial, concretamente na sección de Arte Galega (Sala número 12) exemplifica moi ben algunhas das súas constantes preocupacións como escultor, esencialmente aquelas que teñen que ver coa modificación dos volumes e os espazos. Nesta ocasión, utiliza o xogo dos contrastes: o negativo e o positivo, a liña curva e a recta, as luces e as sombras, o aspecto brillante e o mate. As pezas encaixan unhas noutras e inciden na transformación espacial mediante formas que se abren e se pechan.

Claridade interior” forma parte da colección desenvolvida polo artista desde mediados dos anos 70 ata finais dos 90 do pasado século. A ela pertence unha serie de obras de pequeno formato, como pequenas maquetas, a miúdo articuladas, que mostran certa intención decorativa, tanto polos tamaños como pola elección de texturas e acabados.

A orixe desta colección ten que ver coas reflexións de Silverio acerca da madeira como material natural que é preciso preservar e a consecuente decisión do escultor de abandonar o tallado dela, por consideralo un desperdicio, e optar por “desdobrala” a partir das formas naturais propias dos troncos.

Desa maneira xorden as primeiras obras da serie, realizadas en madeiras preciosas (ébano, palisandro…), ás que se lles foron sumando, aos poucos, outras pezas realizadas en distintos materiais, como neste caso o bronce.

Charla de Silverio Rivas no MPLugo

Con motivo desta sección de Acordanzas, o vindeiro mércores, día 29 de novembro, ás 19:00 h., Silverio Rivas dará unha charla aberta sobre a súa obra ademais de amosarnos outras pezas de bronce de pequeno formato da década dos 80 do século pasado, para poñer en relación coa peza exposta no MPLugo “Claridade interior”.

O departamente de Belas Artes do MPLugo pon a disposición dos visitantes un folleto informativo que se dispensará impreso na sala onde se expón a obra deste artista e en PDF nos enlaces de interese.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes