UKIYO-E: DE PAXAROS E SACABEIRAS

de Mauro Leivas

Cartel da exposición 'UKIYO-E: de paxaros e sacabeiras' de Mauro Leivas, cunha ilustración dunha pega rabilonga pousada nunha póla de sacabeira con flores amarelas. Sobre a ilustración aparece o nome do artista, o título da exposición e as datas: do 13 de agosto ao 30 de setembro de 2025. Na parte inferior están os logotipos da Deputación de Lugo, Cultura e da Rede Museística Provincial de Lugo.

Do 13/08/2025 ao 30/09/2025

Mauro Leivas era agudo, provocador, acedo, irreverente, de lingua áxil e humor implacable. Con todo iso por diante, foi coherente no querer, no falar e no facer ata o derradeiro día. Mauro facía arte porque era o seu xeito de rebelarse contra un mundo que el consideraba inxusto, violento e “consumido” pola codicia humana. Non era home de fe, mais cría nas persoas e na forza do colectivo. As súas obras son unha xostrada violenta dirixida a unha sociedade anestesiada por un capitalismo salvaxe e pola tiranía das aparencias. Aínda que por veces tratara de dismular a súa impotencia tras unha decadente indiferencia, o seu compromiso e espírito crítico emerxen en cada trazo e ata nos materiais que empregaba en cada unha das súas pezas. Todo nel ten unha intencionalidade e un significado, coma un xogo de pistas onde as preguntas son máis importante que as respostas.

Pintaba como pensaba, para confrontar desigualdades e sacudir conciencias, coa raiba de quen se sabe impotente, mais tamén coa sensibilidade de quen aínda non perdeu a esperanza. A indiferencia non era (non é), unha opción.

Con precisión cirúrxica, diseccionou as vergoñas da humanidade, estudando, innovando e procurando novas linguaxes para achegar o poder da arte á vida cotiá da xente. Con “Ukiyo-e: de paxaros e sacabeiras”, Mauro decidiu cando e como poñer punto final ó seu manifesto.

Con este proxecto expositivo pretendemos afondar no traballo creativo desenvolvido polo artista dende 2018 ata a actualidade, levando a cabo unha investigación a través da súa obra, para descubrir a evolución tanto na estética, como nas técnicas ou formatos escollidos.

“Ukiyo-e” é un termo xaponés que significa “imaxes do mundo flotante” (uki: flotante; yo: mundo; e: imaxe). Este movemento artístico, en auxe no Xapón dos séculos XVII ao XIX, permitiu que as clases medias tiveran acceso á arte. Aquela era unha arte que entendían e coa que se identificaban, porque a súa vida e ata os seus vicios máis sórdidos, estaban nela. O mundo flotante é un concepto do budismo que define a vida como un tránsito efémero, unha ilusión que hai que transcender para acadar o verdadeiro coñecemento.

Carl Jung afirmaba que “ninguén se ilumina fantaseando figuras de luz, senón facendo consciente a súa escuridade”. A verdade de Mauro Leivas ábrese camiño entre as sombras. Nas obras escollidas por el para esta exposición hai beleza, identidade, memoria, xeografías íntimas, ecoloxismo, mais tamén autocrítica: falan de pérdida, de individualismo, de baleiro existencial, de globalización, de depredación do medio natural, de culpa, de futuro…

As imaxes flotan entre o soño e a realidade, cargadas de simbolismo. Asómannos ós dous lados do espello: a podredume dunha sociedade deshumanizada, agochada trala sutil delicadeza das formas e da estética oriental.

Ao longo de toda a súa traxectoria, Mauro Leivas fixo da súa raizame a súa conexión co universo. O universo Leivas é un espazo de liberdade, onde a cultura tende pontes e conexións, a diversidade une e a diferenza se celebra.

“Ukiyo-e: de paxaros e sacabeiras” é un xogo de enganos que nos reta a indagar e descubrir o importante tralo accesorio, cun código próximo e achegado ó espectador. O Lonxano Oriente revélase nas paisaxes da Mariña de Lugo, nas formas do territorio que nos rodea e da fauna que o habita, sempre cheo de paxaros, peixes e sacabeiras. E tamén de esperanza…

Silvia Fiallega Lorenzo

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes