UNIVERSO VIZOSO

Unha retrospectiva sobre a obra de Xosé Vizoso

Cando unha galiña pon un ovo faillo saber a toda a aldea, mentres que unha troita deixa milleiros de ovos no río sen que niguén se decate. Con este sinxelo exemplo describía Xosé Neira Vilas o traballo artístico de Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950), un dos máis grandes artistas lugueses. No bacharelato tivo de profesor ao escultor valenciano Juan Puchades, quen estimulou nel a vocación polas artes plásticas. Con 18 anos comezou a traballar en Sargadelos, no departamento de deseño, onde creou ducias de pezas e deseñou e ilustrou centos libros. Pero Vizoso é tamén autor de carteis e logotipos, así como escenógrafo, retratista, caricaturista, pintor e muralista.

Aplicada á alta produción cultural, ao cartelismo, ao deseño gráfico e industrial, á creación do obxecto único e belo e duradoiro para sempre, a arte de Vizoso é múltiple e, sen nos decatar nós ás veces, o seu xenio contrubuiu e contribúe de forma decisiva á formación da paisaxe visual do noso tempo. Non só produce obras senlleiras ou modelos de obra serializabel. Tamén, e ao mesmo tempo, dicta a sensibilidade e o estilo colectivo da época co seu xenio artístico.

Coñecímonos con motivo dunha reportaxe televisiva que fixen sobre unhas pezas que estaba a preparar para conmemorar o centenario do Quixote. Fixémonos amigos e logo comezamos a argallar proxectos xuntos, coma o mítico Mural do Furriolo, unha homenaxe ás vítimas da represión franquista, “un berro de liberdade e diginidade”, como dixo Isaac Díaz Pardo o día que o inauguramos nun acto memorable en Celanova (Ourense) en 2006. Esta exposición é, xa que logo, un relato moi persoal e fondamente marcado pola nosa relación de amizade. Velaquí unha pequena mostra da súa obra como ilustrador, deseñador, escultor, cartelista, muralista, pintor ou caricaturista, coa provincia de Lugo como fío condutor.

Este proxecto nace cando descubro o Universo Vizoso na súa casa. Dende ese día escoito falar as pezas, os bocetos e os cartaces das romerías e festas populares, así coma os seus retratos tabernarios, murais e ilustracións. Vizoso é moito máis que o seu traballo en Sargadelos. Por iso quixemos axudamos a crear a súa propia web, un documental e esta pequena exposición que é so un petisco dunha obra artística inmensa e imprescindible na arte contemporánea galega. Unha viaxe iniciática polo Universo Vizoso a través da provincia de Lugo. Un mundo ateigado de tesouros que habitan o máxico universo deste artista total.

Aser Álvarez González / Comisario da exposición e director de Arraianos Producións

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes