Ver coas mans:

unha viaxe táctil ao mundo da escultura

Os días 15 e 16 de abril, en horario de 10:15 a 13:15 horas, as nenas e nenos de entre 6 e 12 anos poderán participar nun obradoiro moi especial: Ver coas mans: unha viaxe táctil ao mundo da escultura. A actividade propón descubrir a arte dende outra perspectiva, usando o sentido do tacto como ferramenta principal.

A través deste obradoiro aprenderemos a comunicarnos e a relacionarnos mellor con persoas con discapacidade visual, fomentando a empatía, o respecto e a inclusión.

O encontro comezará cunha parte teórica onde se presentará a escultura como forma de expresión artística. Reflexionaremos sobre como as persoas con cegueira ou baixa visión experimentan a arte, coñeceremos artistas con discapacidade visual que fixeron obras marabillosas e aprenderemos os distintos tipos de cegueira e como adaptarnos para comunicarnos mellor con quen a vive no seu día a día.

Na parte práctica, cada participante escollerá unha obra do museo que lles inspire e, por parellas, crearán unha escultura propia. Unha persoa fará de guía e a outra modelará con barro cos ollos vendados, para centrarse nas formas e texturas. Ao final, compartirán as súas obras e experiencias co resto do grupo. As esculturas poderán levarse á casa para seguir contando a historia do que viviron.

Este obradoiro está pensado para achegar a arte a todas as persoas e para que quen participe leve consigo unha experiencia significativa, creativa e chea de valores como a sensibilidade, a igualdade e a comunicación máis alá das palabras.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes