Versos no Pazo

Unha homenaxe á poesía

Cartel do evento "Versos no Pazo" O cartel presenta unha fotografía do Pazo de Tor, unha fermosa edificación histórica con fachada branca, balcóns con reixas de ferro e un gran portalón de pedra. En primeiro plano, unha árbore sen follas encadra a imaxe, evocando unha atmosfera outonal ou invernal. O título "VERSOS NO PAZO" aparece en letras brancas destacadas na parte esquerda superior. Xusto debaixo, un subtítulo en letra manuscrita di: "Unha homenaxe polo día da poesía".

O 21 de marzo celébrase en todo o mundo o Día Mundial da Poesía, unha data instaurada no ano 2000 e que coincide co equinoccio de primavera no hemisferio norte. No Museo Pazo de Tor queremos conmemorar este día cunha xornada especial de homenaxe á poesía que comezará ás 18:00h. .

Para empezar, teremos a Patricia Fernández García, poetisa nacida en Madrid pero xa monfortina de adopción, que nos falará de Sensonauta, o seu último poemario. Publicado a finais de 2023, é un libro que, segundo ela mesma, explora como as persoas especialmente sensibles perciben o mundo.

Despois, pasaremos á Aula de Didáctica para comezar unha actividade que pide pouca vergonza e moitas ganas e na que é imprescindible anotarse para participar. A dinámica é sinxela: cada participante traerá un poema e será outra persoa quen o recite. Non se trata dun concurso nin de demostrar nada; só de deixar que as palabras voen e pousen onde queiran. Iso si, cada poema, xunto cos comentarios, non debería pasar dos cinco minutos, para que todos teñan o seu momento. Hai que traer poema ou recitar? Pois non. Se prefires estar de espectador, tamén es benvido: neste barco hai sitio para todos.

E para pechar a tarde, camiñaremos polas estancias do Pazo de Tor, explorando un espazo onde a poesía xa estaba antes de que nós chegaramos. Porque aquí resoan os versos de Uxío Novoneyra, Manuel María ou Luz Pozo Garza, e nós só temos que seguir as súas pegadas.

Un día para a poesía. Unha casa para os versos. É un plan que só precisa ganas de escoitar, compartir e, sobre todo, sentir.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes