Carlos de Haes

125 aniversario da sua morte.

Retrato de Carlos de Haes

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Acordanzas

Carlos Sebastián Pedro Humberto de Haes nace o 27 de xaneiro de 1826 en Bruxelas e falece en Madrid o 17 de xuño de 1898. No Museo Provincial, na sala 22, exhíbense tres obras deste artistas. Dúas son depósitos do Museo do Prado, e outra propiedade do Museo Provincial de Lugo.

Carlos de Haes con cinco anos trasládase a vivir a España, instalándose en Málaga coa súa familia, onde dende moi novo se inicia na pintura.

En 1850, durante unha viaxe a Bélxica para completar a súa formación estudando aos grandes mestres flamencos, entra en contacto cos novos conceptos da pintura ao aire libre da man dos paisaxistas franceses.

En España, presentará obra a varias Exposicións Nacionais de Belas Artes, obtendo unha terceira medalla no ano 1856, e primeiras medallas nos anos: 1858, 1860 e 1862.

Carlos de Haes destaca tanto na súa faceta de artista coma na de docente. Por unha banda chegará a converterse no máximo expoñente do paisaxismo en España ao ser o introdutor da pintura ao natural, e por outra, como catedrático de paisaxe na Academia de Belas Artes de San Fernando dende o ano 1857, deixará tras de si unha gran cantidade de seguidores e discípulos.

No ano 1960 foi nomeado académico de número da Academia de San Fernando.

Ademais dos grandes cadros de composición cos que se presenta ás Exposicións Nacionais de Belas Artes, o artista pinta moitos cadros de pequeno formato, realizados directamente do natural, durante as saídas cos seus alumnos polos arredores de Madrid e por diversos lugares da xeografía europea durante as campañas de verán.

Carlos de Haes gardou no seu estudo durante toda a súa vida, un gran volume de debuxos, augas tintas e estudos ao óleo de pequenos formatos, que a súa morte, o 17 de xuño de 1898, herdan os seus alumnos máis cercanos, entre os que estaba Jaime Morera Galia, o máis prezado.

Estes discípulos, querendo render unha homenaxe ao seu mestre, doaron toda a súa obra ao Estado, con fin de que se creara no Museo Nacional de Arte Moderno, unha sala monográfica para recordar ao seu benquerido mestre.

Pero ao pouco tempo estas obras comezan a repartirse por diferentes institucións do noso país, e no ano 1971, trala desaparición do Museo Nacional de Arte Moderno, pasarán a formar parte das coleccións do Museo Nacional do Prado.

Obra no MPLugo

Carlos de Haes devólvenos a realidade tal e como el a percibe, para o que emprega unha receita que vai repetir constantemente nas súas sinxelas composicións, baseada na superposición de planos, construídas a base de liñas horizontais e diagonais. Son paisaxes bosquexados realizados directamente do natural durante unha soa sesión.

No Museo Provincial, na sala 22, exhíbense tres obras deste artistas. Dous son depósitos do Museo do Prado, e outra propiedade do Museo Provincial de Lugo.

As dúas primeiras foron depositadas por Orde Ministerial de 7 de febreiro de 1933, e procedían da sala monográfica creada polos discípulos do artista no Museo Nacional de Arte Moderna.

Gargantas de Jaraba de Aragón. Depósito do Museo Nacional do Prado

Gargantas de Jaraba de Aragón. Depósito do Museo Nacional do Prado

A obra Gargantas de Jaraba de Aragón, está pintada directamente do natural e sen retoques posteriores arredor do ano 1872. É un óleo sobre lenzo de 39 x 61 cm. realizado durante unha viaxe a Jaraba, Aragón.

Haes convirte en protagonista desta obra o chamado Barranco de las Hoces ou Cañada del Campillo. Nun primeiro plano, un camiño introdúcese entre grandes masas rochosas de perfiles abruptos que se dispoñen en diagonais e en planos sucesivos contrapostos, levando ao espectador ata o fondo do cadro.

O emprego de grandes masas en sombra contrastando con outras fortemente iluminadas sitúanos nun claro día de sol.

Unha cerca rota. San Juan de Luz. Depósito do Museo Nacional do Prado

Unha cerca rotaSan Juan de Luz. Depósito do Museo Nacional do Prado

Dez anos despois, arredor de 1882, Carlos de Haes pinta Unha cerca rota (San Juan de Luz), un óleo sobre lenzo de 33´5 x 45´5 cm., realizado durante unha excursión a Cantabria. Neste caso, a paleta de cores arrefríase para captar a humidade dun día nubrado, polo que os contrastes lumínicos son moito máis suaves que na obra anterior.

O artista volve empregar a receita da superposición de planos e convirte un elemento sinxelo da paisaxe, coma é unha cerca, en protagonista da súa obra.

Sen título. Museo Provincial de Lugo

Sen título. Museo Provincial de Lugo

Ademais destas dúas paisaxes depositadas polo Museo do Prado, na sala 22 do Museo Provincial de Lugo exhíbese outra obra de Carlos de Haes. Trátase dunha paisaxe sen título na que predominan as cores verdes e grises e na que os elementos compositivos reforzan o sentido de horizontalidade. Este óleo sobre lenzo de 28,5 x 41 cm. foi doado ao Museo por Víctor Domínguez Borrajo, de Madrid, o 14 de xaneiro de1962.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes