25 aniversario da declaración da muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade

Este 30 de novembro fai 25 anos que a muralla romana de Lugo foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Ademais, en 2025 tamén tivo lugar o décimo aniversario da súa inclusión como un dos bens individuais do camiño primitivo (nº ref. 669Bis-008), dentro da ampliación da declaración do Camiño de Santiago en España a Camiños de Santiago de Compostela: Camiño francés e Camiños do norte de España.

No marco destas efemérides, desde o Museo Provincial de Lugo lembramos a gran relevancia que a muralla ten para a nosa cidade e para todos os/as lucenses. Por unha banda, o pasado mes de abril organizamos as “VIII Xornadas de divulgación científica do patrimonio arqueolóxico lucense” baixo o epígrafe de “Muralla romana de Lugo: ann XXV in tabula mirabilivm e, por outra, aproveitamos a data do aniversario da súa declaración para dar a coñecer as pezas do museo que, dun xeito ou doutro, gardan relación con ela.

A presenza deste ben cultural é unha constante en calquera imaxe ou representación da nosa cidade, destacando polo seu protagonismo no marco urbanístico desta. É o caso do Plano topográfico da cidade de Lugo (ca. 1812) que se conserva no Arquivo do MPL, no que pode verse como o perímetro da muralla delimita o escaso desenvolvemento urbano que Lugo presentaba a comezos do s. XIX, algo que contrasta coa imaxe actual do monumento romano, que se atopa inserto no centro da cidade, enmarcado polas edificacións construídas a medida que esta foi medrando.

Tamén aparece representada na obra dos artistas expostos no MPL. Así por exemplo, Maruja Mallo escolleu unha vista da Mosqueira para plasmala na súa Guía Postal de Lugo, considerándoa como un dos elementos representativos da cidade e da provincia, e Manuel Colmeiro pintou os seus cubos cilíndricos na Vista de Lugo con Muralla, mostrándonos unha paisaxe de extramuros de aparencia fundamentalmente rural.

Por outra banda, Blas Lourés elixiu diferentes perspectivas para mostrar a súa estrutura e os seus paramentos na obra A muralla, mentres que Julio Quesada inmortalizou unha vista da cidade desde o seu adarve en Paisaxe urbana de Lugo. Un aspecto que cabe destacar desta pintura é que o artista representou a varias figuras humanas paseando pola muralla, un acto cotián que se repite cada día da man de lucenses e visitantes, evidenciando a súa importancia como espazo habitado pola comunidade da que forma parte.

O MPL conserva, ademais, diversas instantáneas da muralla nos seus fondos fotográficos. Neste sentido, cómpre mencionar as fotos realizadas polo lucense Salvador Castro Freire, que nos permiten coñecer como era o seu aspecto e o dalgunha das súas portas nos primeiros anos do século XX, as do fondo de José Trapero Pardo (vid., por exemplo, https://comunidadermpl.gal/9769-2/) ou as imaxes captadas polo fotógrafo alemán Peter Schneider, que amosan unha versión actual e humanizada do monumento.

Por último, cabe salientar que o MPL conta cunha importante colección de pezas epigráficas que foron achadas na muralla e nas súas inmediacións. Trátase dun conxunto de aras votivas e placas funerarias que actualmente se expoñen no claustro (sala 3) do museo, testemuñas pétreas do pasado romano de Lugo que a muralla nos lembra, cada día, coa súa presenza.

VGS, Negociado de Coleccións do MPL

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes