Programa de Actividades Escolares da RMPL 2026/27
O museo como espazo de polinización cultural, educativa e social

A Rede Museística Provincial de Lugo, dependente da Área de Cultura da Deputación de Lugo, presenta para o curso 2026-2027 a programación educativa dos catro museos da RMPL para este primeiro trimestre baixo o lema «Aprender a mirar, aprender a escoitar». A proposta entende o museo como un espazo vivo de aprendizaxe, encontro, participación e construción de comunidade.
Educar é unha responsabilidade social, onde a transmisión da información ten que ter un camino de volta, un poder transformador para todxs os que participamos dela. Educar significa ofrecer ferramentas para comprender o mundo, desenvolver capacidades, pensamento crítico, identidade propia e recoñecer a diversidade como a maior riqueza do colectivo.
Tomamos como referencia os catro piares da educación formulados no Informe Delors para a UNESCO: aprender a coñecer, aprender a facer, aprender a vivir xuntxs e aprender a ser.
A estes catro piares engadimos dúas accións fundamentais: aprender a mirar e aprender a escoitar. Porque antes de interpretar temos que observar; antes de responder temos que escoitar; antes de valorar temos que coñecer; e antes de coidar temos que crear vínculos.
Mirar e escoitar son dúas formas de coñecer, pero tamén de respectar. Queremos aprender a mirar unha obra de arte, unha peza arqueolóxica, unha fotografía, unha paisaxe ou un obxecto cotián, sexa un medio para aprender a mirar ás persoas. Cada obxecto é unha peza da historia e cada unha delas garda as historias e vidas daqueles que nos precederon. Queremos xuntar tódalas pezas e aprender a escoitalas para coñecernos e poder seguir descubrindo e dándolle vida á nosa memoria, á tradición oral, ós sons do territorio e ás voces diversas da comunidade.
A metáfora das abellas
Recentemente, a Área de Cultura, a través da Rede Museística, mercou a obra Archivo 24, do artista visual e apicultor Isaac Senchermes, onde a representación de diversas mostras de pole fan das abellas un exemplo de convivencia, cooperación e sostibilidade, dun xeito amable de vivir e de habitar os espazos que nos rodean. A obra ofrécenos un punto de partida para traballar territorio, patrimonio e comunidade.
A Rede Museística Provincial pode entenderse tamén como unha gran colmea. No caso do Museo Provincial de Lugo nas súas salas conviven arqueoloxía, arte, historia, etnografía, memoria, creación, tradición e múltiples experiencias humanas. Cada peza é unha flor; cada historia contén un pole diferente; cada visitante pode ser un axente polinizador.
Cada aprendizaxe pode viaxar desde o museo ata a escola, desde a escola ata as familias e desde as familias a toda a comunidade. Así como as abellas favorecen a biodiversidade mediante a polinización, os museos fortalecen a diversidade cultural favorecendo o encontro entre persoas, coñecementos e experiencias
Territorio + Patrimonio + Comunidade
Territorio. O lugar que habitamos: paisaxe, natureza, biodiversidade, cidades, aldeas, camiños, arquitectura e formas de relacionarnos co medio.
Patrimonio. Aquilo que recibimos, reinterpretamos, coidamos e transmitimos: patrimonio arqueolóxico, artístico, histórico, natural, documental, etnográfico, oral, material e inmaterial.
Comunidade. As persoas que dan sentido ao patrimonio: as que estiveron antes ca nós, as que vivimos hoxe e aquelas ás que temos a responsabilidade de transmitilo.
Territorio + patrimonio + comunidade forman a nosa colmea.
Os seis eixes de aprendizaxe
| Eixe | Sentido educativo |
| Aprender a coñecer | Investigar, preguntar, relacionar e comprender. |
| Aprender a facer | Experimentar, crear, interpretar e transformar. |
| Aprender a vivir xuntos/as | Dialogar, cooperar, respectar as diferenzas e construír comunidade. |
| Aprender a ser | Desenvolver autonomía, sensibilidade, pensamento crítico e responsabilidade. |
| Aprender a mirar | Observar con atención, descubrir o que pasa desapercibido e interpretar imaxes, obxectos, persoas e territorio. |
| Aprender a escoitar | Recoñecer outras voces, practicar a escoita activa, recuperar memorias e comprender tamén os silencios e as ausencias. |
Obxectivos
- Achegar os museos da Rede Museística Provincial á comunidade educativa.
- Entender o museo como espazo de aprendizaxe, participación e creación de vínculos.
- Poñer en valor o territorio e o patrimonio da provincia de Lugo.
- Favorecer o sentimento de pertenza e responsabilidade cara ao patrimonio común.
- Desenvolver a observación, a escoita activa, a curiosidade e o pensamento crítico.
- Promover a igualdade, a inclusión, a accesibilidade e o respecto pola diversidade.
- Visibilizar historias e persoas tradicionalmente pouco representadas.
- Relacionar patrimonio cultural e patrimonio natural.
- Favorecer o diálogo interxeracional e a memoria compartida.
- Incorporar a sustentabilidade e os coidados á educación patrimonial.
- Conectar museo, escola, familia e comunidade.
- Entender o alumnado como produtor e transmisor de coñecemento.
Metodoloxía: polinizar o museo
Non propoñemos visitas de escoita pasiva, senón experiencias participadas de aprendizaxe recíproca: preguntar antes de explicar, observar antes de identificar, escoitar antes de responder, investigar antes de concluír e crear despois de descubrir.
As actividades empregarán visitas dialogadas, investigación cooperativa, narración oral, expresión artística, xogos, obxectos, sons, documentación histórica, experimentación e creación colectiva.
Cada grupo será un enxame investigador. Cada sala, unha paisaxe. Cada peza, unha flor. Cada descubrimento, un gran de pole. E cada regreso á escola permitirá continuar a polinización e a expansión do coñecemento.
Oferta de actividades curso 2026-2027
A oferta educativa para o curso 2026-2027 parte dos fondos expostos nos museos da Rede Museística Provincial de Lugo como principal recurso para coñecer, interpretar e poñer en valor o noso patrimonio.
Ao longo do curso, este traballo completarase co aproveitamento didáctico das exposicións temporais programadas, incorporándoas ás actividades cando permitan ampliar, complementar ou ofrecer novas lecturas dos fondos permanentes.
A oferta presentarase cada tres meses para adaptarse á programación expositiva e manter unha comunicación continuada e flexible coa comunidade educativa.
Contacto e Reservas
Para coordinar as visitas, solicitar orientación pedagóxica ou tramitar a concertación das actividades escolares, o profesorado e os equipos directivos poden escribir directamente ao correo electrónico concertacionsrmp@gmail.com.





