«Os vellos non deben de namorarse»
«Os vellos non deben de namorarse»
aniversario do Pazo de Tor e da RMPL

Aniversario Pazo de Tor e RMPL
12/07/2026
A Rede Museística Provincial convídavos a festexar unha data moi especial no noso calendario: o dobre aniversario do Pazo de Tor e da propia Rede Museística. Para conmemorar esta ocasión tan sinalada, o vindeiro 12 de xullo ás 19:00 horas, a contorna do emblemático Pazo de Tor converterase no escenario perfecto para acoller a representación da inmortal obra de Alfonso Daniel Rodríguez de Castelao, “Os vellos non deben de namorarse”, a cargo da prestixiosa Asociación Cultural e Folclórica Os de Algures.
Esta coidada posta en escena preséntase como un proxecto músico teatral que destaca pola súa fidelidade á visión escénica de Castelao, recuperando o vestiario da obra gráfica do autor reproducido de forma fidedigna a partires dos seus debuxos e pinturas e contando coas indicacións do autor sobre elementos da escenografía, movementos e músicas tradicionais. A agrupación pontevedresa logra así unha simbiose marabillosa entre a peza dramática e a nosa cultura popular, ofrecendo un espectáculo vibrante que respecta profundamente a esencia, o uso das máscaras e a estética concibidas orixinalmente polo ilustre rianxeiro.
Queremos compartir esta celebración con toda a cidadanía, polo que o acto será totalmente gratuíto e o acceso libre ata completar o aforo. Agardamos contar coa vosa presenza no Pazo de Tor para desfrutar xuntos dunha tarde única que une o noso valioso patrimonio arquitectónico coa riqueza do teatro, a música e o folclore galegos, reafirmando o noso compromiso constante coa cultura e a nosa historia.






