Diversigualdade da RMPL 365
“Facémonos escoitar?” continúa a súa andaina!

Desde o 28 de xuño e durante todo o mes de xullo, poderás visitar a exposición “Facémonos escoitar?” no xardín do Museo Provincial de Lugo. Esta mostra presenta unha escolma de voces diversas da provincia que nos convidan a reflexionar sobre a memoria, os afectos e os dereitos LGTBIQ+.
No mes de agosto, a exposición fará a súa seguinte parada no Festival Agrocuir da Ulloa en Monterroso. Deste xeito, ampliamos os espazos de encontro entre cultura, diversidade e territorio.
O 28 de xuño, coincidindo co Día do Orgullo, os catro museos da Rede Museística Provincial de Lugo distribuirán folletos didácticos especiais para familias, mozas e mozos, e crianzas. Estas ferramentas están deseñadas para reflexionar xuntos sobre un mundo máis xusto e igualitario, tamén desde o ámbito dos museos.
Porque lembrar é tamén unha forma de transformar. Na Rede Museística traballamos os 365 días do ano por unha cultura da igualdade, a inclusión e a participación.