Enrique Martínez Cubells
75 aniversario do seu pasamento
Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
Este ano 2022 cúmprense 75 anos do pasamento do pintor Enrique Martínez Cubells y Ruíz Diosayuda (Madrid 1874 – Málaga 1947) e o Museo Provincial de Lugo quere lembralo amosando unha obra do artista que forma parte da colección estable desta institución.
Enrique Martínez Cubells inicia a súa andadura como artista no taller do seu pai, Salvador Martínez Cubells, pintor de prestixio e restaurador do Museo do Prado. Posteriormente formarase na Escola Especial de Pintura, Escultura e Gravado de Madrid, sendo discípulo de Emilio Sala e Muñoz Degrain, entre outros.
Viaxa por diversos países de Europa, comezando o seu periplo por Alemaña, onde toma contacto con mestres naturalistas como Adolf von Menzel e Wilheelm Leibl, pintores que deixan nel unha fonda pegada provocando unha renovación moi importante na súa traxectoria artística.
Despois visita varias cidades holandesas e os seus cadros comezan a reflectir o gusto polos amplos horizontes, os temas relacionados ca vida dos campesiños. Pero serán as paisaxes mariñas da Bretaña francesa, cas atmosferas brumosas, e os modos de vida tradicionais os que impriman unha pegada máis fonda na obra do artista.
Durante estas viaxes ao estranxeiro, Martínez Cubells participará en numerosos certames, converténdose nun pintor de gran prestixio. Tras a morte do seu pai, en 1914, instálase en Madrid onde ademais de pintar, vai seguir aumentando a colección artística reunida polo seu pai, ata convertela nunha das mais importantes de España.
Enrique Martínez Cubells presentou obra a varias Exposicións Nacionais de Belas Artes obtendo unha medalla de terceira clase no ano 1897; segundas medallas en 1899 e 1901; e primeiras medallas en 1904 e 1912, ademais dunha primeira medalla na Exposición Internacional de Chile.
Foi delegado oficial de España nas Internacionais de Munich de 1901, 1905, e 1906; tesoureiro da Real Academia de Belas Artes dende o ano 1942 ata a súa morte; profesor da Escola de Artes e Oficios de Madrid e profesor auxiliar da Academia de San Fernando da que será designado académico no ano 1932.
A súa morte, no ano 1947, ostentaba diversas distincións coma a de comendador da Orde de Alfonso XII, comendador Real de Isabel la Católica, Cabaleiro das ordes de la Corona de Baviera e de San Miguel de Baviera.
O seu estilo encádrase dentro das correntes naturalistas da época, destacando polo tratamento austero da luz e polo emprego dunha pincelada firme e sintética. Entre os seus temas favoritos destacan os costumistas, sobre todo os mariñeiros, as paisaxes urbanas, os ambientes rurais, os interiores e aínda que en menor medida, tamén os retratos.
Obra de Enrique Martínez Cubells no Museo de Lugo
Interior. Óleo sobre lenzo.88,5 x 83 cm.
Doada polo mecenas José Fernández López o dia 28 de xaneiro de 1959. Obra exposta na sala 23.
Tamén che pode interesar
150 aniversario do nacemento de Enrique Martínez Cubells
Enrique Martínez Cubells 150 aniversario do seu nacemento . Temática: