Estratexias de Museoloxía Social 26
Saúde, Cultura de Paz e Bo Vivir

En liña
Dende o 13/05/2026 ata o 20/06/2026
A Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da Rede Museística Provincial de Lugo, abre un ano máis o seu espazo de conversas iberoamericanas coa quinta edición de Estratexias de Museoloxía Social. Este foro de reflexión colectiva preséntase como un lugar de aprendizaxe compartida para abordar os retos actuais da disciplina, explorando como os museos e as institucións culturais poden actuar como axentes fundamentais para reforzar os vínculos, os coidados e a vida en común nas nosas comunidades.
Neste 2026, baixo o título “Saúde, Cultura de Paz e Bo Vivir”, a iniciativa suma o respaldo internacional do ICOM-ICOFOM. A proposta lánzase no marco do Día Internacional dos Museos baixo o lema “Museos unindo un mundo dividido”, co obxectivo de consolidar os museos como espazos de acollida e participación activa. A través de experiencias reais de diversos contextos de Iberoamérica, analizarase a capacidade do sector cultural para contribuír ao benestar individual e colectivo e á cohesión social.
As sesións virtuais celebraranse os mércores 13 e 20 de maio e o 3 e 10 de xuño, en horario de 17:00 a 18:30 horas (CEST/UTC+2). As persoas interesadas en participar poden consultar toda a información e formalizar a súa inscrición na ligazón oficial do proxecto: https://comunidadermpl.gal/estratexias-de-museoloxia-social-2026/


