O Museo Provincial de Lugo lembra a Francisco Asorey no Día Internacional do escultor

Asorey no obradoiro da rúa Caramoniña. Fotografía de Ksado
O 6 de marzo, coincidindo coa a data de nacemento de Miguel Anxo Buonarroti, celébrase o Día Internacional do Escultor. Desde o Museo Provincial de Lugo queremos conmemorar esta efeméride lembrando a figura de Francisco Asorey, artista que será homenaxeado no Día das Artes Galegas desde ano.
Francisco Asorey (Cambados, 4 de marzo de 1889 – Santiago de Compostela, 2 de xullo de 1961) é un dos persoeiros máis relevantes da plástica escultórica galega. Destacou polo seu traballo coa madeira e o granito, materias cos que desenvolveu unha vasta obra composta por tallas relixiosas e profanas, retratos, lápidas e monumentos; sendo un dos artistas máis recoñecidos dentro e fóra de Galicia.
Comezou a súa formación artística no colexio dos Salesianos de Sarrià (Barcelona) baixo a tutela do escultor Parellada, quen o familiarizou coa obra de Rodin, Bourdelle e dos modernistas cataláns; artistas cuxa influencia se percibe nos seus primeiros traballos. En 1906 trasladouse a Bilbao, onde traballou como profesor de debuxo e dirixiu un taller de escultura, e tres anos despois a Madrid, establecendo amizade co pintor Romero de Torres e frecuentando os talleres da capital. Desta etapa de xuventude destacan obras como a Viúva do pescador, coa que gañou a segunda medalla na Exposición Rexional de Santiago de 1909, ou Volta dun enterro e Cabaleiros negros, nas que se aprecian claros influxos rodinianos.
Regresa a Galicia en 1918, tras gañar a oposición para escultor anatómico da facultade de Medicina de Santiago de Compostela. Instala o seu obradoiro nas hortas de Caramoniña, a carón do Convento de San Domingos de Bonaval, dando comezo a un período cualificado pola historiografía como “primitivista”, en tanto que as súas obras se caracterizan por reflectir a raíz, a tradición e a idiosincrasia do pobo galego. Neste senso cabe resaltar a serie de tallas policromadas que realiza entre 1920 e 1926, nas que representa á muller aldeá galega: Picariña, Naiciña, Ofrenda a San Ramón -que se atopa no Museo Provincial de Lugo-, O Tesouro -segunda medalla na Exposición Nacional de 1924- e a Santa.
Desta etapa de traballo na Caramoniña destacan tamén a escultura San Francisco, medalla de ouro na Exposición Nacional de 1926 e exposta no Museo Provincial de Lugo, e monumentos como o Monumento ó pobriño de Asís, situado ante o convento franciscano de Compostela.
En 1932 traslada o seu taller a Santa Clara, dando paso a un período no que o seu labor escultórico acusou distintos influxos artísticos. Así pois, aprécianse linguaxes poscubistas en obras como os monumentos a Loriga ou a Curros Enríquez, nos que alterna volumes e ocos e xoga co esquematismo e a xeometrización dos perfís; mentres que nos anos 40 experimenta unha tendencia cara o neohumanismo, especialmente patente na serie de estatuas da Virxe esculpidas nos seus últimos anos.
Foi nomeado académico de honra da Real Academia Galega en 1957 e, ademais dos premios e recoñecementos que recibiu en vida, foron múltiples os artigos que a prensa lle dedicou tralo seu pasamento, exaltándoo como o gran mestre da escultura galega. Unhas loanzas que xa lle fixera Ramón Cabanillas nos seus versos, inmortalizándoo para a posteridade:
“¡Ditoso o que se sabe guiar pol-as estrelas!
[…]
¡Bendito ti que soio, na noite escurecida,
forxando a chave de ouro dende Mateu perdida
guiado das estrelas, soupeche eternizarte
abrindo a Porta-Santa da Catedral do Arte!”
En decembro de 2011 o Museo Provincial conseguiu reunir, por primeira vez en Lugo, as súas tallas máis coñecidas e senlleiras: Nai de dor e Tesouro. Baixo a coordinación da directora, Aurelia Balseiro García, o espazo do Refectorio acolleu ambas pezas durante dous meses, dialogando coas que forman parte da exposición permanente do MPL: Ofrenda a San Ramón e San Francisco.
Dirección e Negociado de Coleccións do Museo Provincial de Lugo
Enlaces de interese
Tamén che pode interesar
Novidades museográficas na sala 14 do MPL
Novidades museográficas na sala 14 do MPL Incorporación de novas na