Tino Grandío
100 anos do seu nacemento.
Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
Manuel Constantino Ramón Grandío López naceu en Sta. Eulalia de Lousada, en Guntín, provincia de Lugo, o día 31 de decembro de 1924. Sendo mozo puxéronse de manifesto as súas inquedanzas artísticas e aínda que iniciou estudos de Filosofía e letras en Santiago de Compostela pronto os abandona, decidido a ser pintor. En 1951 recibiu unha pensión da Deputación de Lugo, o que facilitou a súa marcha a Madrid para formarse en belas artes, e acabou establecendo a súa residencia na capital. Aproximouse ás vangardas e relacionouse con importantes artistas, periodistas, poetas… personaxes moi destacábeis da época, e puido dedicarse á pintura. Con todo, Galicia permaneceu sempre na súa obra, de maneira obvia ou no fondo das súas creacións.
Gran parte da obra de Grandío amosa o profundo sentimento do pintor por Galicia, a querenza polas súas xentes, polos seus costumes e o seu interese pola preservación das tradicións. Nos seus cadros tamén transcende a súa particular relixiosidade, vinculada sempre ao popular. A paisaxe galega é, pola súa banda, protagonista de moitas das súas pinturas.
Tino Grandío foi abandonando progresivamente o uso da cor saturada e dando prioridade á mancha sobre a liña. Desprazouse entre a figuración e a abstracción á procura dunha singular linguaxe pictórica aparentemente sinxela ou esencial, mesmo suxerente. Conseguiu que a súa obra, caracterizada polo exquisito uso dos grises, fose orixinal e ben recoñecible.
O pintor morreu en Lugo o 23 de abril de 1977, antes de ter cumpridos os 53 anos e cando tiña acadado éxito e prestixio.
Desde 2023 o Provincial de Lugo é o único museo cunha sala dedicada a súa obra. Nela móstranse debuxos e pinturas, algunhas doadas por Antonio Fernández López, importante benfeitor da institución, e tamén depósitos realizados nos últimos anos por familiares do pintor. Ademais, na sala podemos contemplar un diploma e unha colección de medallas correspondentes a algunhas das numerosas distincións conseguidas por Grandío.