ESTRATEXIAS DE MUSEOLOXÍA SOCIAL 2024

A Rede Museística Provincial de Lugo abre por terceiro ano consecutivo esta comunidade iberoamericana de aprendizaxe virtual a unha experiencia nova: un espazo de conversa, de posta en común e de pensamento colectivo. Dende a perspectiva investigadora e educadora da museoloxía social -en liña co lema do Día Internacional dos Museos deste 2024– e co foco posto no tempo.

Buscamos coñecer experiencias, pero tamén falar e debatir sobre educación e investigación nos museos e que condicións deberan darse para xerar contextos con tempo de calidade para que profesionais deste ámbito, outros axentes culturais e a propia comunidade poidan indagar, experimentar e aprender sobre as súas coleccións ou sobre as realidades sociais do territorio.

En definitiva, propoñemos  un espazo para as aprendizaxes, a investigación e as preguntas que se materializará nun espazo virtual de aprendizaxe aberto durante todo o ano, un ciclo de conversas en primavera e un obradoiro ás portas do outono.

Ciclo de conversas | Investigar e aprender no museo: outro tempo

tempo

  1. m. Grado de celeridade na execución dunha composición musical e, por ext., dunha composición poética.
  2. m. Ritmo dunha acción.
  3. Sucesión das cousas considerada como un continuo e que se divide en intervalos regulares naturais (ciclos da lúa) ou convencionais (minutos)

Con estas tres perspectivas do tempo, quixemos achegarnos á educación e á investigación no museo e ás estratexias, formatos e experiencias que permiten dotar dos tempos necesarios para que profesionais dos museos e axentes culturais poidan investigar, pensar, xerar novas lecturas sobre as coleccións,... En definitiva, xerar novo coñecemento.

Estas conversas celebráronse en liña, a través dun espazo virtual con inscrición previa na que participaron preto de 300 profesionais. Parte dos contidos e todas as conversas celebradas están dispoñibles en aberto aquí.

Cartaz promocional de Estratexias de Museoloxía Social EdMS24, baseado na eira e os labirintos de pedra do Pazo de Tor. O lema desta edición son as conversas sobre investigar e aprender no museoe outro tempo

Obradoiro colectivo |
En tempo presente

(ou sobre como amasar os tempos na xestión de museos)

Será unha única xornada intensiva, o luns 02 de setembro de 2024 de 10:30 a 18:30 no Pazo de Tor (Monforte-Lugo) e suporá un exercicio de balance do escoitado, reflexión crítica e imaxinación colectiva.

Ola 👋
Un pracer coñecerte.

Rexístrate ao noso boletín para recibir contido xenial na túa caixa de entrada, cada mes.

Non enviamos spam! Le a nosa política de privacidade para máis información.