Proximidade Llunyana, en L’Hospitalet de Llobregat

Exposición itinerante

Esta acción forma parte de: Mulleres rurais

Dende o 15/12/2022

ata o 13/02/2023

Presencial

Dentro das itinerancias previstas pola Rede Museística da Deputación de Lugo, despois de percorrer os lugares da provincia de Lugo relacionados coas mulleres homenaxeadas, ‘Proximidade Llunyana’ e ‘Recolectoras: Memoria e Terra‘ visitan a partir do día 15 de decembro o Museu de L’Hospitalet. A inauguración terá lugar o xoves, 15 de decembro de 2022, ás 19:30h. e a mostra permanecerá aberta neste museo ata o 13 de febreiro de 2023.

Os proxectos “Proximidade Llunyana” e “Recolectoras: Memoria e Terra”, coordinados pola xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, viaxan a Cataluña.  Despois de mostrarse durante o ano 2022 nos museos provinciais e noutros espazos culturais dos concellos nos que naceron as súas protagonistas,  as mostras, que se artellan ao redor dos relatos e as achegas creativas de mulleres do rural, exhibiranse no Museu L’Hospitalet de Llobregat a partir do 15 de decembro de 2022, acto que se vincula á conmemoración do Día Internacional dx Migrante que se celebra o 18 de decembro.

Recolectoras: Memoria e Terra

A  mostra, comisariada por Alexandra R. Rey, recolle as creacións realizadas en obradoiros e encontros por 69 mulleres que viven no rural coas artistas María Gar, artista gráfica e instalativa; Ana Gesto, artista visual e perfomance; Isabell Seidel, pintora; e Andrea Torres, en diferentes emprazamentos, desde os propios domicilios das participantes ata espazos cedidos por outros colectivos.

Trátase de fotografías con composicións determinadas polos relatos das protagonistas, serigrafías e pezas cerámicas que as participantes realizaron acompañadas, que lles facilitaron os recursos e as indicacións técnicas, e inspiradas nas súas traxectorias vitais, vinculadas ao rural.

Proximidade Llunyana

As pezas de “Recolectoras” dialogan coa documentación, as fotografías e os obxectos recompilados no marco do proxecto Proximidade Llunyana, que recupera a memoria de mulleres rurais que emigraron a Barcelona no século XX.

As maletas que portaban as migrantes, un panel fotográfico do Shanghái —o tren  encargado de transportar as viaxeiras á “terra prometida”—  e documentación achegada por familias que viviron o éxodo  rural da posguerra —fundamentalmente cartas e fotografías— forman a mostra que pretende dignificar e dar visibilidade a un proceso migratorio que afectou, dun modo ou outro, ás seguintes xeracións ata a actualidade.

Proximidade Llunyana” e “Recolectoras: Memoria e Terra” forman parte do programa: “Mulleres Rurais” que se vén desenvolvendo na Rede Museística da Deputación de Lugo en colaboración de colectivos e persoas de moi variada procedencia. Está organizado pola área de Cultura e a vicepresidencia da Deputación de Lugo, encargándose da coordinación integral do programa, Encarna Lago, xerente da Rede Museística.

Galería

Tamén lle pode interesar

Comparte nas túas redes