Proximidade Llunyana, en L’Hospitalet de Llobregat
Exposición itinerante

Temática: Diálogo intercultural
Esta acción forma parte de: Mulleres rurais
Onde se desenvolve: Museu de L’Hospitalet de Llobregat—Casa Espanya
Dende o 15/12/2022
ata o 13/02/2023
Presencial
Dentro das itinerancias previstas pola Rede Museística da Deputación de Lugo, despois de percorrer os lugares da provincia de Lugo relacionados coas mulleres homenaxeadas, ‘Proximidade Llunyana’ e ‘Recolectoras: Memoria e Terra‘ visitan a partir do día 15 de decembro o Museu de L’Hospitalet. A inauguración terá lugar o xoves, 15 de decembro de 2022, ás 19:30h. e a mostra permanecerá aberta neste museo ata o 13 de febreiro de 2023.
Os proxectos “Proximidade Llunyana” e “Recolectoras: Memoria e Terra”, coordinados pola xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, viaxan a Cataluña. Despois de mostrarse durante o ano 2022 nos museos provinciais e noutros espazos culturais dos concellos nos que naceron as súas protagonistas, as mostras, que se artellan ao redor dos relatos e as achegas creativas de mulleres do rural, exhibiranse no Museu L’Hospitalet de Llobregat a partir do 15 de decembro de 2022, acto que se vincula á conmemoración do Día Internacional dx Migrante que se celebra o 18 de decembro.
Recolectoras: Memoria e Terra
A mostra, comisariada por Alexandra R. Rey, recolle as creacións realizadas en obradoiros e encontros por 69 mulleres que viven no rural coas artistas María Gar, artista gráfica e instalativa; Ana Gesto, artista visual e perfomance; Isabell Seidel, pintora; e Andrea Torres, en diferentes emprazamentos, desde os propios domicilios das participantes ata espazos cedidos por outros colectivos.
Trátase de fotografías con composicións determinadas polos relatos das protagonistas, serigrafías e pezas cerámicas que as participantes realizaron acompañadas, que lles facilitaron os recursos e as indicacións técnicas, e inspiradas nas súas traxectorias vitais, vinculadas ao rural.
Proximidade Llunyana
As pezas de “Recolectoras” dialogan coa documentación, as fotografías e os obxectos recompilados no marco do proxecto Proximidade Llunyana, que recupera a memoria de mulleres rurais que emigraron a Barcelona no século XX.
As maletas que portaban as migrantes, un panel fotográfico do Shanghái —o tren encargado de transportar as viaxeiras á “terra prometida”— e documentación achegada por familias que viviron o éxodo rural da posguerra —fundamentalmente cartas e fotografías— forman a mostra que pretende dignificar e dar visibilidade a un proceso migratorio que afectou, dun modo ou outro, ás seguintes xeracións ata a actualidade.
“Proximidade Llunyana” e “Recolectoras: Memoria e Terra” forman parte do programa: “Mulleres Rurais” que se vén desenvolvendo na Rede Museística da Deputación de Lugo en colaboración de colectivos e persoas de moi variada procedencia. Está organizado pola área de Cultura e a vicepresidencia da Deputación de Lugo, encargándose da coordinación integral do programa, Encarna Lago, xerente da Rede Museística.
Galería
Enlaces de interese
Tamén lle pode interesar
Rosalía. Proclamar ao mundo que Galiza existe
Rosalía Proclamar ao mundo que Galiza existe Identidade,